MENSAXE DO DÍA MUNDIAL 2019

YVETTE HARDIE, PRESIDENTA DE ASSITEJ

 

Vivimos nun mundo esgazado pola división e a confrontación. Ao noso redor, por todas partes, atopamos líderes e estratexias co obxectivo de enfrontar as persoas por motivos de raza, idioma, cultura, posición económica, xénero, orientación sexual, lealdades a unha idea, pertenza… Case todo o que nos fai humanos foi utilizado por alguén para xerar unha maior división e para construír muros máis altos levantados sobre a sospeita e o odio. Deste xeito, aparentemente démoslle as costas ao concepto de ubuntu, a ética africana que declara: “Son porque es”, e “unha persoa é persoa mediante as relacións con outras persoas”.

Que podemos facer para reverter este abismal dano que lles estamos causando aos nosos fillos e fillas e, de feito, a nós mesmos?

Os nenos e as nenas precisan poder desfrutar de momentos en comunidade onde se lles lembre o que compartimos e onde poidan apreciar as múltiples realidades do que significa ser humano. Precisan espazos nos que explorar novas formas de pensamento que desafíen estas narrativas da confrontación, nos que empaticen con quen máis se diferencia deles mesmos.
Precisan experiencias concretas de comuñón, comunitarias, que lles lembren a alegría e a beleza que o mundo ofrece.

ASSITEJ entende que o teatro proporciona múltiples vías de acceso a un maior sentimento de vencello cos demais, e (o que é máis importante) connosco.

Recentemente, o New Victory Theater de Nova Iorque publicou os resultados de cinco anos de estudo dos beneficios do teatro para nenos, nenas e xente nova. Un dos achados máis relevantes e inesperados é que a exposición ao teatro ofreceulles a estes nenos e nenas unha maior esperanza no futuro. Os resultados contrastáronse nun grupo de control onde quen non foron asistiron a representacións e obradoiros nese mesmo período e manifestaron unha percepción máis pesimista das súas posibilidades futuras en termos de oportunidades de estudo e de traballo.

Por que é tan importante a esperanza? A esperanza produce enerxía positiva que se traduce en confianza, forza de vontade, resistencia e, finalmente, en accións concretas para marcar unha diferenza na vida propia e allea. Todo neno precisa esperanza.

Así pois, comprometámonos a levar un neno, nena ou xove ao teatro hoxe e a reunir o apoio necesario para garantir que todos os nenos e nenas teñan acceso ás artes e ao teatro, independentemente das súas circunstancias persoais e sociais. E en canto aos que traballamos no sector, comprometámonos a proporcionar experiencias de calidade que supoñan un cambio na forma na que as xeracións máis novas perciben o mundo: fagámolo polo ben do mundo actual e polo futuro.

 

MENSAXE DE JOYEE: (8 ANOS)

 

Todo está relacionado co teatro. Nacín nun lugar o onde o teatro era moi especial. Na India. E aínda que estaba nun orfanato, sabía que o teatro era importante alí. Miña nai é parte do teatro. Eu son parte do teatro. Fago House of Muchness, que é un tipo de teatro… facemos espectáculos. Cousas coma esa. Todos os nenos teñen dereito a facer cousas divertidas, coma House of Muchness. Tamén fago Bollywood porque é de onde veño.

Todo é teatro. É difícil de explicar. Non tentaría explicarllo a alguén que non o entendese, simplemente o levaría, ensinaríallo e así veríao el mesmo.

O teatro es ti. Todo o que fas é teatro. Todo o que che arrodea é teatro. Ti es teatro. Todo o teu corpo traballa xunto coma no teatro. Para facer un gran espectáculo. E ese espectáculo é a túa vida.

Sen teatro non habería imaxinación. A xente non sería quen de ser ela mesma. Sen historias, todo o mundo se aburriría sempre. Estarían un pouco tristes, non se sentirían demasiado ben. Sería como a lúa. Ninguén podería comunicarse cos demais polos sombreiros grandes.

Se non tes imaxinación… vaia, o único que pode amañar iso é o teatro. Faiche aprender cousas. Pode aprenderche cousas sobre o amor. Como se ve de diferentes maneiras. E como diferentes persoas que quizais non saben se poden amarse… pois si que poden. Se é unha historia realmente boa, pode cambiarnos de verdade. O teatro é especial, é bo e é bonito. E temos que sentir todos os sentimentos: se un espectáculo nos fai sentir tristes, daquela tamén pode facernos sentir esperanza… de que algo bo pode pasar despois. E case sempre pasa.

MENSAXE DE JOJO: (11 ANOS)

Teño 11 años e son disléxica. Son unha persoa que di algunhas “palabrotas”. Quero que a xente me entenda como son. Quero ser parte de algo. Son unha persoa que quere cambiar o mundo. Formo parte del no Partido dos Nenos, que vai dos nenos e as ideas e a política nun espectáculo de teatro. Podería comezar a cambiar o mundo desta maneira.

O teatro é importante porque conta historias. As historias ensínanlles a xeracións e xeracións de persoas o que está pasando. De onde veñen, por que están aquí e que fan aquí. Cousas que temos que saber. Así podemos entender a xente e o que fai.

O meu primeiro espectáculo foi en realidade un festival de música en Adelaida cando estaba na barriga da miña nai. O primeiro espectáculo de teatro que lembro foi unha ópera. Porque a curmá de Roger é cantante de ópera. Roger era o meu avó.

Encántame o teatro no que tes que usar a imaxinación, a túa propia imaxinación, que é diferente á dos demais. Ese no que as cousas son difíciles de ver ou non están aí, tes que imaxinalas. Inventalas. E entón podes velas claramente. Pero a xente pode ter unha historia ou imaxes diferentes na súa cabeza en comparación co que está na miña cabeza.

Se non levas os nenos ao teatro, daquela o teatro acabarase. O teatro ensina vidas, corazóns e almas en acción. Se levase un neno ao teatro, un neno pequeno, non lle explicaría nin lle diría nada no camiño. Deixaría que o vise e que despois mo explicase.

Se me dixesen que non podo ver máis teatro, entristeceríame, enfadaríame.

Se non vise algunhas das cousas que vin no teatro, non sería eu.

E gústame como son.